Non ao peche do colexio

As nais e país da comunidade escolar do CEIP de Baamonde na súa totalidade, asi como a comunidade de veciños de Baamonde manifestamos o noso total rexeitamento ó peche do noso centro escolar tal como pretende o Concello de Begonte.

Nos parece totalmente inaceptable que una vez máis teñamos que sufrir os recortes en educación que tan nefastos resultados teñen producido ó longo da nosa historia recente, e máis que nunca no contexto actual. Nestes tempos de COVID  que nos tocou vivir, cando a sociedade toma conciencia do importante que é evitar a masificación, especialmente de centros tan sensibles como as nosas escolas, este concello coa colaboración indispensable da Xunta de Galicia apostan polo contrario. Poñendo sempre trabas a uns profesionais que fan o imposible por educar e velar pola saúde dos nosos nenos e nenas e polo tanto tamén das súas familias.

É impropio tamén, o feito que se pretenda pechar un centro de ensino público con excelencia demostrada co fin de cederllo a una asociación de titularidade privada, así como o investimento público que ven asociado. Se eses fondos foran dedicados á escola publica os froitos serían moito maiores. Unha vez máis este Concello é fiel ás súas siglas Precarización do Público.

Tamén lamentamos que algo tan sensible como o peche dun colexio se nos informara nunha reunión hai tres días; non buscando en ningún momento una solución de consenso coas familias, se non dándonos a coñecer una realidade inexorable na que a nosa opinión carece de importancia, e polo tanto allea ó propio consello escolar. Dinamitando calquera tipo de consenso e de dialogo na comunidade educativa.

É penoso ter que denunciar que a mentira e a manipulación se converta na forma de comunicación habitual deste gabinete encabezado polo alcalde Ulla que ante a prensa afirmaba cousas como que os nosos fillos e fillas pasarían a ter un aula en cada curso cando, na reunión informativa do pasado mércores día 9, afirmou que seguiría sendo unitaria  ( tres cursos en cada aula ) pero co dobre de alumnos.

Facemos un chamamento á sociedade no seu conxunto, pregamos que velen por esta pequena comunidade, uns nenos e nenas que se verían obrigados ao desarraigamento, xa que non a todos se recolocarían nun único centro escolar tal como se da a entender na pasada nota de prensa. Este é un exemplo mais do desdén co que a administración trata ás poboación rurais, minando o modelo educativo que favorece a cohesión entre o alumnado tan precisa debido á dispersión xeográfica.