Bos días nais e país do colexio de Baamonde, benqueridos veciños e demais  achegados que simpatizan con esta causa. 

Hoxe estamos aquí para poñer en coñecemento as derradeiras novas que foron  xurdindo con respecto ao peche do noso colexio.  

Como todos sabedes, esta iniciativa de peche xurdiu por parte do noso propio  alcalde José Ulla Rocha. Algo realmente vergonzoso, que o propio alcalde dun concello sexa o primeiro interesado no peche dos seus servizos públicos, e máxime cando é patente o rexeitamento por parte dos seus  veciños.  

Pero todos debedes saber tamén, que o alcalde non ten competencia ninguna no peche do colexio, senon que isto depende da Consellería de Educación, isto  é, da Xunta de Galicia.

Pois ben, a Xunta, que ata o de agora se limitara a calar, e a dicir (só de palabra) que a súa intención non era pechar o colexio, trocou o seu parecer. Agora (tamén de palabra), comunicounos que da o seu visto bo ao peche do colexio, que todo depende do alcalde e que por tanto e con él con quen debemos de falar. Ata tiveron a vergoña de suxerir que nós non sabemos o que é mellor para os nosos fillos e que menos mal que están eles para guiarnos no bo camiño.  

Ben, chegados a este punto, quero resaltar a sarta de mentiras que se nos  levan transmitindo:  

– Primeiro: Na reunión do día nove o alcalde tivo a pouca vergoña de decir que “os políticos estamos aquí para facer o que nos pareza mellor e se ao pobo non lle parece ben pois pode non votalo nas seguintes eleccións“. Isto é, non vivimos nunha democracia, senon nunha dictadura que se renova (ou non) cada catro anos. A esto o pobo de Baamonde, e todos os pobos en realidade, temos que dicir NON. Os  representantes públicos están para materializar os desexos do seu pobo, e se, polo tanto lles dá por facer algo que vai en contra dos  intereses da cidadanía non poden falar na nosa representación.  

– Segundo: Educación díxonos onte que eles apoiaban ao alcalde como se a decisión non dependera deles. Esto é falso, a decisión depende UNICAMENTE deles. Podemos entender que nun momento inicial, vendo que a proposta partía do alcalde, supuxeran que os veciños estabamos de acordo. Pero agora xa non poden decir eso, porque lles amosamos o noso total rexeitamento por todos o medios dispoñibles. É  penoso ter que recordarlles ás nosas institucións que xa non estamos na  idade media, e que se non contamos co beneplácito do noso señor feudal non temos nada que decir. 

– Terceiro: Tanto o Concello como a Xunta insisten no discurso que neste colexio se da un mal servicio e que unificando o colexio todo se solucionaría. Ante isto só temos que decir que este colexio funciona de  maneira exemplar, e coa unificación o único que imos conseguir é aumentar o ratio alumno/mestre e por tanto un trato menos  individualizado. Que alguén nos explique en que mellora esto á educación das nosas fillas e fillos.  

Tamén temos que expoñer que este centro foi víctima, como tantos outros no noso rural, das políticas pasivas, políticas que fomentan o despoboamento do rural ata que é tan feble que darlle o golpe de gracia parece ata un acto de humanidade. Pero neste caso, se trata dunha  política activa de destrucción de recursos xa que este centro funciona e non ten un número desprezable de alumnos.  

Pon todo isto unha vez máis tócanos decir a quen nos queira escoitar, NON  AO PECHE DO COLEXIO DE BAAMONDE!!!