Martes 13

Carta aberta ao Sr Conselleiro de Educación, Sr. Román Rodriguez González.

Estamos hoxe aquí para tentar darlle a volta ó día. O martes 13 está asociado á mala sorte, ás desgracias. E nos, como vítimas involuntarias dunha desfeita, vimos de novo a loitar para que hoxe sexa un día de bo fario. O día no que vostede acceda a reunirse con nos. E mesmo a reconsiderar o peche do noso colexio, do colexio de Baamonde.

Non entendemos a súa negativa a reunir cos pais e nais da Anpa. Primeiro, porque recibir ás Anpas vai no cargo que vostede ocupa. É unha obriga do conselleiro de Educación, non un capricho ou unha sorte de favor. Segundo, porque as Anpas estamos sempre aí. Sempre arrimamos o ombro. Para organizar os comedores, axudar no transporte, coas actividades extraescolares. A comezos deste curso, o seu departamento pediu a axuda das Anpas para adaptar os colexios a frear a nova ola do covid. Foi un momento de incerteza, no que ninguén sabía moi ben que facer. E nos non nos agochamos. Non demos a calada por resposta. Demos un paso ó fronte e fixemos o que facemos sempre: coidar dos nosos fillos e da súa educación. E colaborar coa administración, ó marxe do que cada un teña votado nas urnas.

Por iso doe que o noso esforzo estea a ser pagado co desprezo. Non entendemos que non queira xuntar con nos. Nos non queremos ir ó seu despacho a facer un escrache. Nin a petar no chan cun casco de obra. Nos somos pais e nais preocupados pola educación dos nosos fillos e fillas. E a educación é sempre diálogo. Diálogo entre nenos, mestres e familia. Diálogo cos libros, ca natureza, co pasado e co futuro. Gustaríanos que fose tamén diálogo das familias galegas co seu conselleiro de Educación.

Vostede é profesor universitario. Ten competencia dabondo para explicar a un grupo de pais e nais do rural o proxecto de educación musical que quere levar adiante en Begonte. Porque o proxecto é seu. Porque vostede é o conselleiro de Educación, e non o señor Ulla. Porque as competencias son súas, non do alcalde. O alcalde ten a lexitimidade da súa maioría nas eleccións municipais, pero non pode aplicar esa maioría a un terreo que non lle compete xestionar.

Seguro que non lle costa nada facernos entender o bo sentido do proxecto. Porque de momento, o alcalde nin ten presentado o proxecto nin escoita a nosa opinión, nin ten ofrecido nada concreto. A educación é o contrario de aplicar a vontade do máis forte. A educación basease en darlle voz a todo o mundo, ocupar sobre todo dos máis febles. A educación non pode ser que un grupo de maiores pase por riba de 30 nenos e unha escola rural con cincuenta anos de historia. Galicia non esmorece, conselleiro, a facemos pequena coas malas decisións.

Hoxe é “martes y 13”, pero podémolo converter nun día de festa. Recíbanos, escoite e recapacite; ou explique e convénzanos. Porque en educación non está nunca todo dito, sempre quedan cousas marabillosas que descubrir. Pero non as poderemos descubrir se pechamos os colexios.

Sr. Román, escóitenos por favor! Non faga que llo pidamos por 9ª vez.

Deixa unha resposta