Denunciamos a denegación de admisión no C.E.I.P de Baamonde

Remitimos un escrito dirixido ao SERVIZO TERRITORIAL DE INSPECCIÓN EDUCATIVA DE LUGO, con copia a Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

EXPÓÑEMOS:

  • Que nais e pais de nen@s con idades comprendidas entre os 3-5 anos da contorna de Baamonde conforme ao que figura establecido na Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dirixiuse esta semana ao CEIP de Baamonde coa finalidade de presentar a solicitude de admisión para o seu fillo/a para o curso 2021/2022.
  • Que por motivos que descoñece foi denegada a posibilidade de presentar dita solicitude de admisión.
  • Que o CEIP de Baamonde imparte educación infantil e primaria como se pode comprobar a nivel informativo na propia páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a nivel legal ao non existir ningunha normativa que teña modificado o estatus legal do centro en canto ao seu funcionamento e oferta.
  • Que se está a vulnerar de forma evidente o dereito das nais e pais a solicitar a admisión neste centro docente, tanto dende o punto de vista de administrados fronte á Administración ao non admitir unha solicitude axustada a dereito como de nai e pais como a súa liberdade de elección de centro.
  • Que a Inspección de educación conforme ao artigo 3o.d do Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia debe velar polo cumprimento nos centros educativos das leis, regulamentos e demais disposicións que afecten o sistema educativo

Polo que SOLICITAMOS:

  • Que se dean, de xeito urxente e con prazo suficiente, instrucións para que no CEIP de Baamonde se leve a cabo con normalidade o proceso de admisión regulado na Orde do 12 de marzo de 2013 e se permita presentar entre o 1 e o 22 de marzo praza para calquera dos cursos que forman parte da oferta educativa legalmente establecida no centro neste momento, é dicir, educación infantil e educación primaria en todos e cada u dos cursos que compoñen ambas etapas.
  • Voltamos a solicitar, por terceira vez ao señor Conselleiro un encontro cun representante da A.N.P.A e da A.VV.

En Baamonde, a 3 de marzo de 2021

Deixa unha resposta