AS ANPAS DO RURAL UNIDAS NUN BERRO DE DIGNIDADE

Tras os feitos ocorridos recentemente no Parlamento Galego, e as medidas de desmantelamento de servizos no rural, as ANPAs de Baamonde, Courel, Navia e Baralla  unímonos na plataforma Anpas do Rural xuncidas nun berro de dignidade coa intención de dar visibilidade ó noso problema común, que non é outro que o contínuo goteo de peche de servizos na nosa terra que empeza a poñer en perigo a pervivencia da poboación na mesma.

Esta plataforma nace co afán de colaborar na medida do posible na divulgación da nosa realidade fronte ó relato que adoitamos escoitar por parte da Xunta, que por outro lado admite que son xestoras alleas á realidade da nosa terra quen está deseñando as medidas a tomar nela. Cómo vai una xestora de Madrid ou mesmo de Santiago coñecer, dende o seu despacho, a realidade da Montaña de Lugo ou da Terra Chá?

Mentres que os nosos políticos firman coa man dereita a lei de impulso demográfico, coa esquerda seguen pechando máis e máis colexios coma o de Baamonde, e os que manteñen abertos   precarízanos  tanto que se volven inviables de feito, coma no caso do Courel, Navia e Baralla en que o recorte no transporte obriga aos nenos e nenas a pasar interminables horas de autobús por zonas de difícil acceso para estes vehículos. 

Por todo isto queremos afondar nestes puntos:

-Os nenos e nenas do rural levan anos perdendo servizos por ser considerados números. Cando á consellería non lle dan os números para manter un servizo no rural, en vez de fomentar políticas activas de incentivo da poboación (como tantas temos visto por España adiante) limitase pechar o servizo de maneira que afonda no despoboamento.

-Invertir en educación non pode considerarse un gasto. Éste é , en realidade, o problema de fondo. Para os  nosos representantes públicos a educación é un gasto e polo tanto a súa intención sempre é minimizalo.

-O tempo libre dos nosos fillos e fillas non o pode xestionar nin a Xunta nin a empresa de transporte. Comprendemos que a administración trate de optimizar recursos pero a primeira prioridade nunca debe ser económica por riba do benestar dos nenos e nenas. As modificacións no transporte da montaña de Lugo alongan as rutas escolares ata una hora, isto dúas veces ao día fai que os nenos e nenas pasen dúas horas no autobús para algo tan básico como a súa escolarización.

– Non ao peche dos colexios no rural. Nada pode xustificar o peche dun colexio na zona rural posto que ninguha outra actividade é tan importante coma ésta. Isto esta a pasar hoxe en Baamonde onde se pretende pechar o colexio para abrir un conservatorio de música privado, condenando a trinta nenos e nenas ó desarraigo baixo a premisa, según palabras do propio alcalde, que total tarde ou cedo o rural vai ir a menos… Os nosos nenos e nenas non teñen cines nin teatros, nin bibliotecas, nin museos. Todas esas cousas fixéronse tamen cos nosos impostos e para desfrutalas temos que desprazarnos kilómetros. En contraposición temos aire puro, tranquilidade e unha escola como nexo de unión da comunidade, na que se ensina dende matemáticas ata qué hortalizas plantar en cada tempada. Por iso non podemos ficar impasibles mentres nos sacan ata o máis básico.

– O fin da escola é o inicio do fin  das comunidades rurais, e, polo tanto, de quen mantén os nosos bosques limpos, camiños transitables, manten a fala, en fin, quen leva séculos debuxando a nosa paisaxe e é reservorio dunha parte esencial da nosa cultura colectiva.

Por todo isto  unímonos nun berro. Galiza é moito máis que 7 cidades. Non deixedes afogar este berro, mañá pode ser tarde para moitos nenos e nenas do rural.

Deixa unha resposta