Boas tardes a todos e todas.

O primeiro de todo quero darvos as grazas por estar aquí. Sabemos que desprazarnos ata a nosa capital non é tarefa sinxela, posto que todas e todos temos moito que facer e, moitos a quen coidar e nestas circunstancias máis que nunca.

Hoxe estamos aquí uns poucos en representación de moitos:

En primeiro lugar ás familias de Pígara e do Concello de Guitiriz que non se puideron desprazar por diversos motivos pero que nos transmitiron o seu apoio e calor polo camiño.

Tamén estamos representando a todas esas comunidades da Galiza rural que ven como, día tras día merman os seus servizos ata un nivel case asfixiante. Este ano, no pobo de Baamonde tivemos que ver como se pechaba o centro de atención primaria, se diminuía una ambulancia, se daba a orde de peche da nosa escola, e mesmo se nos limita o acceso ao local social. Pos suposto, cando os poderes públicos deixan deserta una localidade, as entidades privadas abandoan tamén os seus servizos, xa que entenden que a actividade económica non está favorecida, e, por iso pecha tamén a única sucursal bancaria que había no pobo, obrigando aos nosos maiores a desprazarse para absolutamente todo.

Desgraciadamente non somos os únicos exemplos do expolio que esta administración esta a perpetrar no noso rural. Hai miles de exemplos como o peche do centro de atención primaria de Parga ou o vergoñento trato que se está dando ás comunidades escolares de Courel, Navia e Baralla.

Pero,sobre todo, estamos aquí representando os intereses dos nosos fillos e fillas que, tras un ano durísimo, no que tiberon que deixar de reunirse cos amigos, non puideron recibir os aloumiños dos seus avós, deixaron de celebrar os seus cumpreanos (algún deles xa levan sen celebrar dous cumples)… E todo isto o fixeron sen un chío, sen una queixa, porque entenden que esta é a súa responsabilidade, que sen a participación de todos e todas e o esforzo das institucións nunca sairemos desta pandemia. Sen embargo a realidade é que o seu comportamento exemplar non é secundado pola administración, que insiste en poñelos en risco una e outra vez, xuntando dúas escolas cando agora máis que nunca interesaría telas separadas.

Hoxe viñemos a Santiago para que os nosos representantes políticos nos escoiten alto e claro. Xa non poderán dicir mais na Xunta de Galiza que o pobo de Baamonde está a favor do peche do seu colexio porque o seu alcalde foi o que o pediu en primeira instancia. Non, señor Román Rodriguez, esa decisión non lle corresponde a ningún alcalde senón únicamente ao Conselleiro de Educación. E so él e o Presidente da Xunta son os responsables de tal decisión.

Aquí e agora manifestamos con toda claridade a nosa total oposición ao peche do colexio de Baamonde. O señor Jose Ulla non nos representa. En realidade nunca tivo intención de facelo, dado que esta decisión non manou (como debería) do consello escolar, de ali ser transmitida á comunidade de veciños, e finalmente á Xunta de Galiza. Se non que foi urdida nun escuro despacho entre o alcalde de Begonte e o Conselleiro de Educación coa única intención de beneficiar á asociación do irmán do seu máis ilustre concelleiro. E, por certo, pubricado a golpe de xornal en vez de no DOGA.

Denunciamos as constantes mentiras e manipulacións que se levan ditas sobre a nosa comunidade escolar:

1- O colexio de Baamonde non esta en risco por falta de alumnado, senón pola obsesión enfermiza do noso alcalde e pola permisibidade da Xunta de Galiza.

2- O mantemento do colexio é máis barato que a ridícula idea de instalar un conservatorio nunha pequena localidade como Baamonde. Instalacións de conservatorio para servizo real de escola de música, xa que o título non tería homologación. Cos 400.000 euros do simple acondicionamento se pagarían as nóminas dos mestres durante 3 anos. É indubidable o beneficio social e a importancia da educación básica sobre a educación musical.

3- Chegouse a dicir, por parte do señor alcalde, que o interese do concello era diminuir os gastos de calefacción, sen ter en conta as normas COVID e sen aclarar se é que os alumnos da escola de música non terán dereito a ela.

4- O noso alcalde, ante a preocupación lóxica dos país e nais polo tema covid atreveuse a dicir que non había contaxios nos colexios. Ben, nin sequera me vou molestar en rebatir isto pois, mesmo a persoa máis desinformada darase conta da necedade desta afirmación

5- Constantemente se deixa caer por parte do Concello e da Xunta que o interese é o de millorar a calidade educativa pasando de una escola unitaria a outra de curso por ano. Pero cando se lles pregunta se a educación unitaria non é boa sempre contestan que é excelente. Polo tanto, cal é a mellora? en qué pode millorar aumentar o ratio alumno / mestre? A realidade é que a escola unitaria é un excelente modelo educativo tanto para a fixación de conceptos teóricos, como demostra o nivel co que chegan á educación secundaria, como en valores cívicos e de crecemento persoal. Por motivo deste modelo educativo é que algunhas familias marcharon da cidade cara o rural en contra da tendencia dos últimos anos.

6- O proxecto do alcalde basease en obrigar aos trinta nenos e nenas de Baamonde a estudar en Begonte de maneira que podería desdobrar algúns cursos no colexio de Begonte. Ao mesmo tempo entregaría as instalación púbricas de Baamonde a una asociación privada que curiosamente está vencellada ao irmán dun dos seus concelleiros. Isto é valorado como “valente” polo Conselleiro de Educación. Pero a realidade é que os trinta nenos e nenas de Baamonde no se poden considerar en ningún caso “un bo recheo “ para o colexio de Begonte. A maior parte deles espallarase en distintos colexios quedando rota a nosa comunidade, sen lograr, tan sequera o ansiado desdobramento de cursos. Ao mesmo tempo as artimañas do alcalde enfrentando a veciño con veciño están a xerar un nivel de crispación que non se daba dende a guerra civil. Por favor, abandoade esta estratexia de odio e enfrentamento e tendamos pontes, pero nunca dende a imposición senos dende o acordo e o convencemento. Señores da Xunta de Galicia, se esta é a súa maneira de facer políticas para o rural, sinceramente, millor que non fagan nada e nos deixen vivir en paz.

Santiago de Baamonde, en Santiago de Compostela a 9 de marzo de 2021