ENTERRO DA ENSINANZA PÚBLICA E DO MUNDO RURAL

Oficiante

Benqueridos irmáns

Hoxe atopámosnos aquí para dar o noso último adeus á Ensinanza Pública e ao Mundo Rural que quedaron feridos de morte tras o tráxico suceso do pasado día 9.

Aquela mañá ningún de nós podía nin imaxinar o que nos deparía a tarde,  cando un condutor do noso concello, levado por una tolería inimaxinable, atropelou co seu camión aos veciños que nos atopabamos alí reunidos. Feríndonos a todos en distintos grados pero arrebatándolle a vida a esta parella tan amada por todo o pobo.

Lembrade que o mundo rural é o mas ancián dos nosos veciños, todo o noso estilo de vida parte do seu legado e, pese a que esta non é a primeira vez que atentan contra él, ainda estaba cheo de vida. 

Hai moitos anos que coñeceu á súa parella, Ensinanza Pública. Do seu amor naceron infinidade de talentos, algúns estades aquí hoxe chorando a súa perda, outros marcharon á cidade ao ver que seu pai Mundo Rural se facía cada vez máis e máis pequeno a resultas da falta de investimento e dos atropelos pasados (a retirada do centro de atención primaria de Parga, o practico desmantelamento do de Baamonde, tantas escolas rurais pechadas…)

Pero esta parella nunca  perdera a esperanza e seguían dándonos o mellor de cada un deles para o noso benestar. A pesar de que cada vez que atentaban contra eles, nós mirábamos para outro lado porque a cousa parecía que non ía con nós. Ademais… co que lle sacaban a eles… a nós íannos poñer un contedor diante da casa. Todos contentos!

Supoño que non os soubemos valorar ata este momento en que finalmente acabaron con eles, O peche da escola foi a morte da Ensinanza Pública e o Mundo Rural xa non soubo vivir sen ela.

Ensinanza Pública (Aparece entre a multitude con vendas ensangrentadas na cabeza e nas extremidades)

Agardade un momento!, detede o enterro que non estou morta aínda!

Mundo Rural (TAMÉN MALTREITO) 

Nin eu tampouco!!

MULTITUDE ABRAIADA APLAUDE

Ensinanza Pública: É normal que pensásedes que estaba morta. Despois de que o condutor do noso concello nos partira o corazón. Mesmo eu o pensei. Pero ao vervos todos xuntos o pasado domingo, e o outro máis dándonos o voso apoio a min e máis o meu home… pensamos que tal vez non esta todo perdido, que despois de todo aínda hai un futuro para nós neste pobo, e iso deunos a forza para volver á vida.

MULTITUDE : VIVA A ENSINANZA PÚBRICA!!! VIVA O MUNDO RURAL!!!!

Oficiante

Que ledicia máis grande saber que aínda estades entre nós! Pero vexo que estades moi febles e o perigo non pasou. Agora temos que coidarvos entre todos máis que nunca, porque agora somos conscientes da importancia que tendes e do baleiros que nos deixariades se desaparecésedes

Non imos permitir nin un atropelo máis por parte dese tolo!

MULTITUDE (moitas veces)

Non ao peche do cole de Baamonde!